Informe 2006


Valoración preliminar do depósito paleolítico de Porto Maior (As Neves, Galicia) (2006)
Xacemento: Porto Maior 

Fig.1 Localización do depósito de Porto Maior na cunca baixa do Río Miño.

Situación: Concello As Neves, (Provincia de Pontevedra, Galicia,) sobre o Río Miño na fronteira con Portugal, en terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de As Neves.
Prospector: Manuel Ledo, no ano 2005.
Intervención: Instituto de EstudosMiñoranos. No marco ampliado do Proxecto de investigación do paleolítico en Chan do Cereixo.
Características: Intervención de urxencia (zona en obras). Limpeza de corte para a súa documentación e análises, a identificación dos niveis arqueolóxicos coas correspondentes unidades sedimentarias e a toma de mostras para análises polínicos e cronolóxicos.
Importancia: Daquela, por primeira vez se tiña a oportunidade de coñecer un contexto estratigráfico ben definido para situar un xacemento do Paleolítico Antigo.
Marco xeolóxico: O xacemento de Porto Maior está emprazado nun sector onde o Río Miñor circula encaixado nun macizo granítico. O val, se amplía augas abaixo formando unha veiga de fondo plano cunha anchura media de 5 km que se manterá constante ata a súa desembocadura no Océano Atlántico.

Fig. 3 Perfil transversal e secuencia sintética das terrazas fluviais na zona de Porto Maior con proxección no perfil xeomorfolóxico das terrazas de + 20 e + 50 m.
Neste tramo interior do recorrido sinuoso do Río Miño se ten identificados cinco niveis graduados de terraza fluvial, ao marxe da chaira de inundación, a unhas cotas relativas de +20 m, +30/40 m, +50 m, + 64 m e + 75 m (Cano Pan et alii 1999).
Estes depósitos fluviais están formados por acumulacións máis o menos espesas (entre 1-12 m de potencia) de area e gravas de cuarcita -e menores porcentaxes de cuarzos- que se asentan directamente en granitos  variscos alterados. Sobre as terrazas fluviais depositáronse facies de abanos aluviais de cronoloxía recente.
Nesta zona e tras a deposición desta terraza obsérvase un encaixamento brusco da orde dos 20 m no substrato granítico, o cal augas abaixo é menos vertical. O espesor dos depósitos da terraza de 30-40 m chega a superar nas inmediacións do xacemento os 10 m de potencia total sobre a base granítica alterada.
Está composta por gravas imbricadas fundamentalmente cuarcíticas, con matriz limo-areosa, con niveis intercalados lenticulares de areas finas e estratificación planar. A teito obsérvanse depósitos de lodos formados en ambientes de baixa enerxía e sedimentos canalizados de orixe lateral, gravas e horizontes areo-limo-arxillosos masivos alterados edáficamente. A terraza foi posteriormente disectada por pequenos cursos secundarios.
O corte producido pola maquinaria pesada, deixa ao descuberto uns 5 m de espesor dos depósitos da terraza de 30-40 m no que diferenciamos catro niveis.
Fig. 4 Secuencia estratigráfica xeral da terraza de + 30 -40 m en Porto Maior
 - Nivel I: está formado por depósitos fluviais da terraza, cun tramo inferior de gravas cuarcíticas con matriz areosa grosa, cunha potencia máxima vista de 2 m. Ao seu teito atópanse lodos de cor amarelada que son erosionados polo nivel II.
- Nivel II: disponse erosivamente sobre o nivel inferior. A base está constituída por gravas finas e medias, con presenza de industria lítica no seu parte superior. A este depósito aluvial suceden limo-arxilas areosas (lodos areosos de textura fina maioritaria) masivos e moi compactos, de cor amarela ou amarelo oliva.
- Nivel III: do mesmo xeito que o nivel II, presenta na súa base sedimentos aluviais de gravas e areas finas a medias arxillo-limosas. Este horizonte aluvial contén industria en cantidade apreciable. Ao seu teito recoñécense lodos areosos con fraccións finas a medias maioritarias, masivas e de cor avermellada
- Nivel IV: a secuencia fluvial-aluvial da terraza de Porto Maior finaliza cun depósito de gravas medias a grosas con matriz areo-limo-arxillosa que erosionan os lodos do teito do nivel III. Estas gravas conteñen industrias líticas, estratificadas nun contexto que corresponde a medios canalizados. A teito desenvólvense lodos areosos ricos en limos, masivos e de cor pardo claro.
A secuencia estratigráfica observada remítenos a un medio fluvial na base propio de ambientes sedimentarios moi tractivos, e un superior caracterizado por depósitos de tipo aluvial, de orixe lateral, de idade máis recente. Este tipo de estrutura sedimentaria parece ser documentada noutros puntos desta mesma terraza, presentando asociadas tamén industrias líticas achelenses, como é o caso do xacemento de Fillaboa (Cano Pan et alii, 1999).
 
Fig. 5 Niveis superiores (II-IV) no área central do depósito

Fig. 6 Concentración de industria na base do nivel III.

Valoración preliminar da industria lítica
Fig. 7 Bifaz de bisel terminal sobre canto. Nivel III en superficie
O estudo que presentamos baséase nun primeiro exame de parte do material observado nos sucesivos cortes producidos pola maquinaria pesada que desmontou a terraza e da industria recuperada dos sedimentos revoltos. A nivel estratigráfico puidéronse diferenciar dous grandes grupos, procedentes dos niveis III e IV. En ambos se acusa unha marcada descompensación entre os efectivos das cadeas operativas de lascado e as de configuración.

Fig. 8 Bifaz protolimande sobre canto. Nivel III.

Entendemos que esta situación vén producida por un cúmulo de circunstancias, por unha banda as derivadas do proceso de formación do xacemento -asunto do que é prematuro tratar-, por outra as accidentais circunstancias que rodean a recollida do material, non sistemática, polo que a colección reunida non ten por que ser un reflexo fiel da composición orixinal da serie.
A materia prima dominante en todos os niveis son os cantos rodados de cuarcita da terraza, moi abundantes con tamaño e calidade óptimos para a elaboración da industria, un material xa que logo facilmente accesible no propio xacemento. Nalgún caso documentouse o emprego do cuarzo, tamén de orixe local.
Nivel III
Os materiais procedentes deste nivel representan ao redor do 71 % do total recuperado. O seu estado de conservación é dispar, estando equilibrado o número de pezas con escasa ou nula alteración superficial con respecto ás que presentan netos sinais de rodamento, aínda que sempre pouco intenso, e sen chegar a dificultar a identificación dos carácteres de talla.


Fig. 9.1 Bifaz amigdaloide típico sobre lasca. 2. Bifaz lanceolado con dorso sobre lasca. Nivel III.
As cadeas operativas de lascado supón o 40% dos efectivos deste nivel. As lascas son esencialmente secundarias, aínda que tamén contamos con algunhas primarias, co que os talóns son maioritariamente corticais e lisos. A abundancia relativa de talóns lisos obedece ao uso reiterado como plano de percusión das superficies de esquistosidade que presenta a cuarcita, unha circunstancia que non parece casual. As dimensións medias das lasca son 54,7 x 62,5 x 21 mm, cuns valores extremos de 112/27 x 142/27 x 57/8 mm. Unha parte significativa delas presentan accidentes de talla, como planos reflectidos e fracturas de tipo Siret en case a metade das mesmas. Non temos a constancia da aparición de produtos levallois, aínda que se lascas que se asocian á talla e/ou o mantemento de útiles bifaciales (Böeda et alii, 1990). Os núcleos relaciónanse preferentemente con estratexias de explotación elementais, onde a partir dun plano cortical, extráense series curtas de lascas. Nalgún caso este tipo de núcleos son os utilizados para a extracción das grandes lascas empregadas como soporte do  macroutillaxe.

Fig. 10 Bifaz lanceolado sobre lasca. Fractura antiga da punta. Nivel III.
 Doutra banda contamos con outras estratexias máis complexas, pero menos representadas, como as bifaciais e as discoides unifaciais. Metricamente os núcleos acusan certa variedade de tamaños presentando uns intervalos de 259/57 x 203/45 x 112/35 mm, e dimensións medias de 112,3 x 107,1 x 56,9 mm.
As cadeas operativas de configuración están cuantitativamente mellor representadas que as de lascado, supón algo máis da metade do total. Identificáronse ata o momento 10 útiles sobre lasca -en torno ao 18% do total de efectivos da cadea de configuración-, con algunhas raederas (trasnversais e dobres), denticulados e escotaduras. foron realizados preferentemente en soportes secundarios (79,2 x 101 x 30,4 mm de media, con intervalos de 131/34 x 157/54 x 47/20 mm) configurados a base de retoques marxinais de inclinación simple.
Os bifaces supón aproximadamente o 32% do total lítico e o 54% das pezas configuradas. Existe certa variedade de formas (Bordos, 1961): subtriangulares, protolimandes, bisel terminal, nucleiformes, con dorso (Figs. 7 e 8), aínda que os máis comúns son os amigdaloides (típicos e con talón, Fig 9.1) e os lanceolados (Fig. 9.2 e 10). Na súa confección empregáronse preferentemente cantos rodados, aínda que tamén nunha alta proporción lascas primarias. En varios casos non se puido determinar a natureza da matriz debido ao elevado grao de configuración.

Fig. 11.1  Fendedor tipo O. Nivel III. 2. Fendedor tipo II. Nivel III.


 Fig. 12 Triedro sobre lasca. Nivel III
Os valores das súas dimensións están comprendidas nos intervalos 250/96 x 122/56 x 72/36 mm, presentando unha media de 176,6 x 95,5 x 54,4 mm. foron realizados a base de grandes lascados e en moitos casos cun número non demasiado elevado, adoitan presentar entre 10 e 20 levantamentos; pero as súas siluetas resultan bastante equilibradas. Xeralmente presentan reservas corticais nunha das caras, sen que superen a metade da súa superficie, e na maioría tamén na base, formando un verdadeiro talón. Nun 36% dos casos constatouse a regularización parcial das arestas, empregándose nalgún caso percutores lixeiros ou de baixa densidade. Destacar o notable número de pezas coa extremidade distal fracturada (8 casos) e a presenza de varios fragmentos de punta, truncados nunha fase de configuración e/ou mantemento.
Os fendedores e pezas afíns, menos numerosos que os bifaces, representan algo máis do 6% do total e en torno ao 10% do macroutillaxe, e inclúen bos exemplos dos tipos O  (Fig. 11.1) que é o máis frecuente, I e II (Fig. 11.2) de Tixier. As súas dimensións medias son 167 x 100 x 48 mm, con valores extremos de 198/143 x 123/79 x 58/38 mm. Como no caso dos bifaces están configurados mediante un escaso número de extraccións, que unicamente afectan a pequenas áreas para eliminar as eventuais irregularidades que presenta a lasca soporte, chegando nalgunha peza a estar practicamente ausentes.
En ocasións obsérvase a intervención de percutor brando na regularización. Con frecuencia a talla ou o retoque sitúase na zona proximal e/ou lateral da lasca soporte, suprimindo total ou parcialmente o talón e o bulbo.
Os triedros aparecen nunha proporción bastante similar á dos fendedores. Na súa elaboración utilizáronse preferentemente grandes lascas primarias (a media destas pezas alcanza
187,0 x 91,6 x 55,6 mm, e varían entre 236/146 x 110/54 x 67/47 mm), sobre as que se aplicaron series de lascados longas, entre 20 e 30, para lograr extremos apuntados de sección triédrica, ben destacados do resto da masa da peza. As súas siluetas son bastante equilibradas e as súas arestas pouco sinuosas, e como no caso dos bifaces e fendedores foron regularizadas parcialmente ata con percutor brando (Fig. 12).
Nivel IV
A industria estudada asociada a este nivel supón en torno ao 25% do total. De xeito xeneralizado presenta claros sinais de alteración eólica superficial, a cal non impide polo xeral a interpretación técnica do proceso de talla.

Fig. 13 Industria do nivel IV. 1: Lascas secundarias. 2. Denticulados. 3. Raedera transversal. 4.Bec.

As fases de produción supón máis da metade da serie estudada, cunha abafadora maioría de lascas e restos de talla (Fig. 13. 1). En xeral adoitan ser soportes secundarios, estando os primarios máis representados entre os útiles sobre lasca, con talóns corticais e esporadicamente lisos sendo as súas dimensións medias de 57,8 x 48,5 x 20,3 mm, cuns valores máximos e mínimos de 81/35 x 85/20 x 39/12 mm. Os núcleos identificados son escasos en proporción e correspóndense maioritariamente a modos de explotación elementais a partir da remoción desde un único plano de percusión cortical de escasas series de lascas (menos de 10 negativos visibles), o que indica un aproveitamento pouco intenso que é coherente coa proliferación de lascas semicorticais. Hai tamén algún núcleo que responde a esquemas discoides bifaciales (Böeda, 1993), pero, igual que no nivel anterior, non rexistramos ningún produto netamente levallois.
Destacar a identificación de dúas lascas, posteriormente transformadas, provenientes do mesmo canto. As cadeas operativas de configuración parecen polarizadas á obtención de útiles sobre lasca, principalmente denticulados e raederas (Fig. 13. 2-4). Na súa confección adóitanse empregar soportes primarios (65,4 x 82,2 x 25,1 mm de media, e intervalos de 103/38 x 115/40 x 40/15 mm) sobre os que se aplican retoques simples e nalgúns casos abruptos de extensión marxinal. Outras categorías tecnomorfológicas representadas son cantos tallados e bifaces, aínda que en porcentaxes moito mais reducidos, unha ou dúas pezas.
Recapitulación final
O xacemento de Porto Maior supón unha nova oportunidade, logo dos repetidos e errados intentos de estudo das Gándaras de Budiño, de estudar un xacemento achelense en contexto estratigráfico en Galicia, investigacións que non gozaron de particular atención nesta rexión desde fai algún tempo.
A secuencia sedimentaria con industria en conexión estratigráfica de Porto Maior perfílase como a máis completa entre as coñecidas para Galicia neste momento. A industria lítica do nivel III está caracterizado por un macroutillaxe ben configurado cun considerable número de bifaces, fendedores e triedros que se relacionan coas industrias achelenses do ámbito peninsular e que tamén son unha constante ao longo da propia conca do Miño e do propio noroeste (Cano Pan et alii, 1997; 1999; Meireles, 1992; Vidal Aciñeiras, 1982; Villar Quinteiro, 1997; 2004; Villar Quinteiro e Llana Rodríguez, 1998).
Concretamente Porto Maior representaría un momento, quizais anterior ou cando menos contemporáneo, aos niveis fluviais do paradigmático xacemento das Gándaras de Budiño (Graza et alii, 2004; Vidal Aciñeiras, 1982).
Por agora non é posible establecer comparacións entre a industria dos dous conxuntos líticos principais referenciados. As importantes diferenzas sinaladas entre eles poderían non ser do todo reais.
Tampouco é o momento de profundar en comparacións detalladas con outros xacementos, aínda que se insistir en que, de xeito sintético, a industria localizada no nivel III encaixa perfectamente no contexto do achelense peninsular da segunda metade do Pleistoceno Medio (Cunha-Ribeiro, 2000; Santonja e Pérez-González, 1987; 2001; Montes Barquín, 2003; Santonja e Vila, en prensa).
Os materiais proporcionados polo nivel IV non son tan expresivos, polo que preferimos aprazar calquera valoración ata a obtención de novos datos procedentes da intervención actualmente en curso (dirixidas por R. V. Q.).

Tomado do Estudo: “Valoración preliminar do depósito paleolítico de Porto Maior (As Neves, Galicia)”.  Por Eduardo Méndez Quintas, Rosa Villar Quinteiro, Manuel Santonja Gómez, Alfredo Pérez González e Manuel Ledo Bernárdez. (Ano 2006)










Ningún comentario: